Un Dépor "con todo o mundo máis integrado, máis adaptado" mídese mañá domingo ao Elche CF nun partido que Idiakez albisca "aberto"
O Dépor mídese mañá domingo 13 de outubro ás 21:00 (LaLiga TV Hypermotion) no Estadio Martínez Valero ao Elche CF, outro dos grandes da categoría que até fai moi pouco estaba en Primera División.
Os Nosos contan coas baixas de Gauto, lesionado; e Yeremay, concentrado coa selección española sub-21 en plena competición oficial do seu equipo.
Esta circunstancia motivou unha reflexión de Imanol Idiakez onte venres na sala de prensa de Abegondo: "Non ten lóxica que queiramos impulsar unha competición; que queiramos ter unha competición tan importante como a Segunda División, que seguramente é a sétima liga de Europa, e que cada vez que haxa unha convocatoria de seleccións, os que temos internacionais quedemos sen os mellores futbolistas".
Preguntado por un dos posibles recambios, Mario Soriano, que ademais leva varios partidos con menos presenza, recalca que "é un futbolista que a min me encanta, que me parece dun grandísimo nivel. É un gran futbolista para o Deportivo, unha gran noticia para nós".
Desvela ter a sensación de que "como era algo lóxico, co paso das semanas todo o mundo está máis integrado, máis adaptado e que aos poucos, vanse abrindo as posibilidades. A xente vai atopando os seus ritmos, o seu estado de forma".
Vendo o potencial do conxunto ilicitano, o técnico deportivista albisca un partido "aberto, con dous equipos que buscan a portería rival".
Os Nosos viaxaron esta mañá a Alacante, cuartel xeral branquiazul, e esta tarde adestráronse na Cidade Deportiva do Elche CF.
O corpo técnico branquiazul dispuxo após unha activación con roldo dunha serie de partidos en espazo reducido.
O partido será especial para o capitán Lucas Pérez, que se mide un dos seus ex equipos durante uns meses por aquel entón en Primera División (desde agosto de 2021 a xaneiro de 2022); e para Mfulu, que xogou 47 partidos defendendo a camiseta do conxunto ilicitano entre a temporada 2019-20 e 2020-21.
Pola súa banda, o Elche CF, que a pasada fin de semana caía (1-0) na Malata ante o Racing de Ferrol, é 13º con 10 puntos.
No Martínez Valero esta temporada, os levantinos gañaron ao Córdoba CF (3-1) e CD Mirandés (1-0); empataron co Granada CF (2-2); e caeron coa SD Huesca (0-1).
Eder Sarabia, técnico ilicitano, afirmou na rolda de prensa previa ao encontro que "temos bastantes menos puntos dos merecementos que puidemos facer. O outro día o equipo fai cousas suficientes como para sacar algún punto. Vimos de dous partidos fóra de casa nos que o rival nos tirou unha vez a porta e en tramos longos fomos bastante superiores".
O equipo recupera a Pedro Bigas e Elba; pero "perdemos a Josan pola entrada do outro día"; a Mati, que "está coa selección"; Rafa Núñez, que "a semana pasada tivo uns problemillas co tendón rotuliano"; e a John e Clerc, "que estaban a falar da semana que vén meterlle en tarefas co equipo".
Pide que "bote lume este estadio, hai afección, hai equipo, hai posibilidades, estamos preto".
Finalizado o encontro, Os Nosos pasan a noite en Alacante e regresarán á Coruña ao mediodía do luns directos a unha sesión de traballo en ABANCA-RIAZOR que comezará ás 17:30.