RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Un Fabril penalizado pola expulsión de Jairo dobra o xeonllo nos últimos minutos co CD Cayón

Ao Fabril escapóuselle o partido ante o CD Cayón (3-2) na recta final, en choque correspondente á 30ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación marcado pola expulsión de Jairo por dobre amoestación no minuto 36.

A pesar de ir gañando 0-2 no minuto 52, os fabrilistas acusaron en exceso disputar tantos minutos en inferioridade numérica.

O CD Cayón, a pesar de ir penúltimo na táboa, aproveitou esta circunstancia ademais da súa fiabilidade en casa, tal e como advertira na rolda de prensa previa Óscar Gilsanz, para darlle a volta ao marcador.

Con este resultado, o equipo deportivista queda con 36 puntos en 11ª posición da táboa.

O filial recuperou esta mañá a Diego Gómez após cumprir o seu partido de sanción a pasada fin de semana fronte ao UP Langreo pero non puido contar con Rubén López, citado polo primeiro equipo para o choque ante o Unionistas de Salamanca CF en ABANCA-RIAZOR.

Tamén foron baixa David Vilán, cunha lesión no seu nocello esquerdo; e Lache, cunha lesión muscular nos isquiotibiais.

Óscar Gilsanz apostou de inicio por unha dianteira formada por Martín Ochoa e Kevin Sánchez. 

Precisamente foi o dianteiro rioxano o que adiantou aos branquiazuis no marcador, corría o minuto 15. Recibiu dentro da área e bateu con calidade a Canales.

Estes primeiros minutos foron de posesión de balón deportivista aínda que o primeiro remate do partido foi unha cabezada de Héctor que atrapa Brais Suárez, hoxe na portería en lugar de Hugo Ríos.

Jairo viu a primeira amarela no minuto 10 e a segunda no minuto 36, circunstancia que cambiaría o rumbo do partido.

A pesar da inferioridade numérica, ao descanso chegouse sen máis sobresaltos.

Após o paso polos vestiarios, avisou o CD Cayón cun centro chute de Salas que se paseou por todo a área pequena sen atopar rematador.

Pouco despois, no minuto 52, Álex Alfaro incrementou a vantaxe para o Fabril. Kevin gaña un balón na área á zaga cántabra e cede atrás a Álex Alfaro, que cruza o balón lonxe do alcance de Canales.

O técnico local move o banco e fai un triplo cambio no minuto 54 coa entrada ao céspede de Larrucea, Saúl e Edu, ao cabo os autores dos goles da remontada do seu equipo.

Así, un par de minutos máis tarde, o CD Cayón recorta distancias nun balón bombeado que Brais Suárez non pode reter, Jesús Villar cabecea á área pequena para que Larrucea, que acababa de entrar ao campo, rematase a pracer.

Este gol meteu aos locais no partido e pesou como unha laxa para os pupilos de Óscar Gilsanz, que se viron obrigados a dar un paso atrás.

Saúl igualou o marcador no minuto 73 ao rematar na área pequena un saque de esquina.

Óscar Gilsanz tentou máis dinamismo arriba coa entrada de Mati Castillo por Kevin pero foi o CD Cayón o que anotou o gol do triunfo no minuto 89. 

Edu, desde moi lonxe, coloca o balón a media altura pegado ao pau esquerdo da meta de Brais Suárez, imposible para o meta coruñés.

Non houbo tempo nin forzas para tentar o empate aínda que fose cun xogador menos. E iso que o tentou o adestrador fabrilista dando entrada a Nájera, Jorge e Barba.

O vindeiro domingo 14 de abril ás 17:00, o Fabril recibe ao CD Guijuelo en Abegondo.

CD Cayón: Canales, Gabi, Alvarito, Hitoshi (Larrucea, min. 54), Davis Sanz, Jesús Villar, Turrado (Edu, min. 54), Riki, Héctor (Marcos, min. 54), Dani Salas e Resines (Saúl, min. 70).

Fabril: Brais Suárez, Mardones (Nájera, min. 90), Álex Pereira, Puerto (Barba, min. 90), Marotías, Brais Val (Jorge, min. 90), Álex Alfaro, Diego Gómez, Jairo, Kevin Sánchez (Mati Castillo, min. 75) e Martín Ochoa (Thymos, min. 59)

Goles: 0-1 Martín Ochoa (min. 15); 0-2 Álex Alfaro (min. 52); 1-2 Larrucea (min. 56); 2-2 Saúl (min. 73); 3-2 Edu (min. 89)

Árbitro: Martín Agudo Daza, do comité asturiano. Amoestou a Jairo Noriega (min. 10 e min. 36), Mardones (min. 20), Hitoshi (min. 41), Diego Gómez (min. 70), Alvarito (min. 80) e Marcos (min. 85)

Incidencias: Partido correspondente á 30ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado no campo Fernando Astobiza de Sarón (Cantabria).

📸GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK